“Mírante distinto”: o estigma que padece a xuventude tutelada

Son adolescentes. Teñen afeccións e ilusións, e tamén preocupacións. Están nunha etapa de cambios emocionantes que viven ás veces con temor e outras con alegría. Teñen desexos e soños de futuro. Como calquera persoa da súa idade.

Hai unha cousa, así e todo, que si os distingue do resto. As mozas e mozos tutelados teñen que madurar e aprender a ser independentes moito antes que os demais. Cando cumpren a maioría de idade, teñen que prepararse para vivir pola súa conta. E moitos deles deben facelo sen poder contar cunha casa familiar á que volver se as cousas non saen como esperan.

• • • • • • • • • • • • • •

Como di Jose, “cando tes 18 anos es un neno ou unha nena e, de golpe, tes que facerte un home ou unha muller”. E ademais teñen outra dificultade que pode ser moi cruel e difícil de superar: os prexuízos sociais.

“Moitas persoas pensan que vives nun centro de menores porque es conflitiva”, di Jenni, “cando a razón normal é que tiveches un problema familiar”. Ela hoxe xa vive emancipada, pero confesa que antes trataba de ocultar que vivía nun centro para evitar os prexuízos. “Nunha entrevista de traballo chegaron a preguntarme “por que estás nun centro de menores, se non tes cara de mala?”.

A xuventude tutelada parte dunha desvantaxe moi importante. Moitos deles careceron de apoio familiar ou tiveron que padecer conflitos moi severos na súa infancia. Esa é unha carga -ás veces moi pesada- que tratan de deixar atrás mentres medran.

Por iso é dobremente inxusto que outras persoas “te miren distinto”, nas palabras de Quique. “Cando escoitan que estás nun centro, o primeiro que adoitan dicir é que por algo estás aí”.

Os estereotipos sociais son sempre produto do descoñecemento. Proxectamos ideas preconcibidas cara ás persoas que consideramos “diferentes”. Cando nos cruzamos pola rúa cun grupo de mozas e mozos sen sabermos que viven tutelados, pensamos que son adolescentes coma os demais. Entón, por que nos formamos outra idea cando nos din que viven nun centro de protección?

Non te deixes levar polos prexuízos. Se queres axudarlles, ante todo, #NonOsXulgues.

• • • • • • • • • • • • • •

 
Que podes facer ti?

Coa túa axuda podemos facer que máis mozos e mozas en risco logren rachar o círculo da exclusión. Descubre como.


Quero axudar
Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on Twitter